‘Pantallas Sonoras’ desprega en Burela unha segunda edición que conecta cinema, música e a nova creación de videoclips galega

Burela, 26 de agosto de 2026. O ciclo ‘Pantallas Sonoras’, a iniciativa desenvolvida pola
Asociación Cultural Plataforma Ultramar en colaboración co festival Osa do Mar, ten xa
lista a súa programación total para este 2026. Do 2 ao 5 de setembro, Burela converterase
no epicentro onde converxen a imaxe e o son, abordando o feito musical desde o
audiovisual como unha práctica cultural conectada co territorio, a memoria e os procesos
creativos contemporáneos. A edición deste ano, que conta co apoio do Concello de
Burela
e a Deputación de Lugo, consolida o seu formato de exhibición e encontro ao
tempo que estrea, con enorme éxito de convocatoria, a súa primeira liña competitiva
dedicada ao videoclip galego.

Mércores 2 de setembro: A viva tradición da regueifa

A programación botará a andar o mércores 2 de setembro ás 19:30h na Casa da Cultura
de Burela
coa proxección de Ao son da nova regueifa (2025), unha obra da produtora
galega Undodez que explora a transformación e a recuperación viva da improvisación oral
en Galicia. A sesión inaugural completarase cun coloquio aberto co público no que
participarán os propios directores do filme: Saúl Rivas e o burelao Manolo Maseda.

Xoves 3 de setembro: Sons transnacionais e concertos no Barco Museo

O diálogo arredor da música e da imaxe continuará o xoves 3 de setembro, tamén ás
19:30h na Casa da Cultura, co pase do documental Casamance. Banda sonora dunha
viaxe
(2016). Este documental propón un percorrido polas raíces musicais de Senegal e a
transmisión cultural transnacional da man do músico Depedro (cabeza de cartel da Osa
do Mar 2026) e a mediación de Ángel Carmona, e contará coa presenza especial da súa
directora, Paloma Zapata. Tras o coloquio, a actividade trasladarase ao Barco Museo de
Burela
, onde a experiencia audiovisual dará paso ao directo musical co concerto da artista
Gara Durán e a posterior sesión DJ de Anxo Ferreira.

Sábado 5 de setembro: Final do I Concurso de Videoclips Pantallas Sonoras

O grande fito desta edición chegará o sábado 5 de setembro ás 12:00h no escenario do
festival Osa do Mar
coa proxección das pezas finalistas do I Concurso de Videoclips de
Pantallas Sonoras. Tras recibir case 100 obras no seu ano de debut, o certame amosa a
excelente saúde e a capacidade de experimentación do audiovisual galego a través dos
seus 11 proxectos finalistas, entre os que se atopan 5 obras de artistas ou realizadores
lucenses:

Durante este pase público e matinal, os asistentes ás proxeccións poderán votar en directo
a súa obra favorita. Ao remate, procederase á lectura do fallo e á entrega dos galardóns,
deseñados polo artesán burelao Martín Lestao:

  • Premio do Xurado Profesional: Composto polos cineastas Paloma Zapata e Saúl
    Rivas, xunto coa xestora e comunicadora musical Sara Roca. Este galardón conta
    cunha dotación económica de 500 €.
  • Premio Fundación Eu Son: Outorgado por un xurado composto por 10 usuarios e
    usuarias da propia fundación, patrocinado en especie por ABSA (Armadores de
    Burela SA).
  • Premio do Público: Decidido polos asistentes e patrocinado en especie por
    Mariñeiras Daveiga.

Pecharanse así catro días de intensa actividade cultural que reforzan o papel de Ultramar
como nodo dinamizador na Mariña Lucense.